mércores, 13 de decembro de 2017

A nosa mellor parte

Ola rebuldeiros/as!
Estamos na recta final do trimestre, esto conleva moitas cousas, actividades sobre as festas, peche de proxectos, balance do trimestres, ansia polas vacacións que se achegan...son semanas bastante demandantes pero tamén entretidas e onde tratamos de descubrir cantas cousas cambiaron desde o inicio de curso.

Tamén traeremos bastantes cousas das que imos recopilando, por exemplo, hoxe queremos contarvos que todo o traballo sobre o corpo, os sentidos e o seu coidado remata cunha actividade na que escollemos a nosa parte do corpo favorita e o porque... as mans para abrazar, os ollos para ver algo, as pernas, a cabeza...

Fixémoslle unha foto instantánea á parte que decidimos e pegámola no noso cartaz, ademáis os cartaces están, de momento, expostos no corredor do primeiro andar para que todos e todas poidamos velos.

Aquí queda unha mostra! (faltan os de dous compañeiros/as que non estaban este día, cando poidamos poderán facer a súa foto!)








Agardamos que vos guste, pronto máis novidades, prometido!

mércores, 22 de novembro de 2017

Unha actuación inesperada

Todos os MÉRCORES, despois do recreo, imos á biblioteca.

Alí facemos a xestión para devolver o libro anterior e escoller un novo que levar á casa cada semana.

Este mércores tamén o fixemos, uns/has escollen moi rápido o que queren levar, e cubren a ficha de rexistro de préstamos entón, mentres que os/as demáis seguen na procura dun título que lles convenza, poden botar unha ollada a outros contos, descubrir zonas da biblio...

Pero a creatividade é impredecible e nunca sabes cando pode traer un plan perfecto! E iso é o que pasou este mesmo mércores!

Mentres a profe aínda comprobaba as devolucións de libros e axudaba cos novos préstamos, un grupiño estaba reunido nunha zona da biblioteca que ten un gran sillón e un atril... 
Que estarían a tramar? Cando se quixo dar conta escoitou "Con todos ustedes...Antón, África..." e achegouse alí con cara de querer saber que pasaba... "Vamos a hacer una actuación" aseguraron... así que decidimos que poderíamos ver todos de que ía esa actuación.

O caso é que escolleran un conto: "Nicomedes o pelado"


E tiñan unha super narradora (Carolina) que ía lendo cada páxina do libro que escolleran, tamén había un grupo de actores e actrices que, con algo de atrezzo que atoparon pola biblio, ían aparecendo desde detrás do sillón e representando cada unha das páxinas.


Aínda que a representación tivo momentos moi desordenados tedes que ter en conta que foi en moi poucos minutos nos que o grupo, pola súa conta, organizouse, decidiu, e saliu a escea.

Aquí podedes ver un pequeno vídeo do momento.


Todos, organizadores/as e público, desfrutamos da sorpresa que prepararon, e quedounos claro, temos moi boas dotes para empregar nas unidades que virán cheas de teatro!



xoves, 16 de novembro de 2017

O Clube dos Devoralibros!

E o que nos gusta pertencer a un clube no que todos compartimos un pasatempo...!

Así chegou a nosa carta do Clube dos Devoralibros, a este clube poden pertencer aqueles/as aos que lles gusta ler ou que lle lean contos, historias, poemas, cancións...

O funcionamento do clube é moi sinxelo, cando un conto nos guste moito cubriremos unha ficha do clube dos Devoralibros, ou parte dela (podemos ter toda a axuda necesaria dos Devoralibros maiores (a familia) tanto para ler como para escribir) e achegarémos a ficha á clase para contar en voz alta de que vai o conto (sin contar o final!) esto farase coa axuda da profe, algunha pregunta... é moi sinxelo! poderemos deixar o libro un tempo na clase para que os compañeiros/as poidan lelo nalgunha hora de lectura.

Non precisamos achegar un número concreto de historias, cada un/ha irá facéndoo aos poucos, ás veces un libros son longos, outros cortos, outros non nos gustan... da igual, de feito ata pode que e cole algún escrito por nos! O clube non é para agobiarse, é para desfrutar das historias e de como as contamos na clase e para mellorar xuntos/as!

Entre todos facemos o noso arquivo do Clube dos Devoralibros un clube que seguro que agocha moitas sorpresas! Palabra!

Todo clube precisa un carnet para os seus membros e aquí estamos co noso! Faltábanos Ada na clase, que terá o seu en canto volva!







Agardamos que vos guste o noso super- clube que montamos entre todos os famentos come-historias! Ñam!

mércores, 15 de novembro de 2017

Cando August chegou á clase. (Valores)

Hoxe querémosvos presentar a August.

August é o protagonista dun libro titulado "Wonder, la lección de August" (e dunha colección de libros e contos que surxiu a partires deste libro) é un neno duns 10 anos afectado polo síndrome de Treacher Collins, o que fai que teña malformacións craneoencefálicas e que a súa cara non sexa "normal", o libro cóntanos, en mini capítulos e desde o punto de vista de August, as súas vivencias, superacións, experiencias e frustracións ao comezar a ir a un cole  convencional.
É un libro que seguro que gusta un montón aos maiores e co que se está traballando nun montón de coles de todo o mundo, xerando todo un movemento de sensibilización. Nos, en primeiro, estamos traballando coa historia de xeito adaptado na sesión de valores cívicos e sociais.



O outro día coñecimos a August, contounos un pouco da súa vida ata agora, como camiñaba sempre coa cabeza gacha, as súas sensacións e as emocións que sentía ao saber que ía comezar a ir ao cole...

A primeira parte que escoitamos a August remata así:

"Por certo, chámome August. Non vou describir a miña cara. Non sei como a estaredes a imaxinar, pero seguro que é moito peor" 

Así que eso foi o que fixemos, sabendo os seus sentimentos e inquedazas e atendendo ás palabras de August imaxinamos como sería a súa cara segundo o que el contara e este foi o resultado:



Pouco a pouco coñecemos cousas de August.

Xa sabemos o medo que sentiu por visitar o seu novo cole, e o nervioso que se puxo cando o director lle dixo que xa invitara a tres nenos/as para que lle ensinaran o centro. Ademáis... polo que sabemos, pode que un deles non fora moi amable co pequeno Auggie...
Algúns xa nos decatamos do grande que lle debía parecer a August a idea de ir ao seu novo cole... e debuxámolo ao seu lado.

A verdade é que estamos bastante emocionados/as por coñecer máis cousas de August e como lle vai na escola, como se portan os compañeiros/as, os/as profes...




Seguro que aprendemos moitas cousas ao seu lado así que seguiremos informando!

martes, 7 de novembro de 2017

O medo

Boa tarde!
Despois dunha semana un pouco a trompicones entre o festivo e os virus aquí traemos novas da rebuldaina!

Co galo da celebración do Samaín  tivemos uns días nos que traballamos moi intensamente a emoción do medo.

O medo é unha sensación habitualmente desagradable que xurde cando cremos que estamos en perigo (real o imaxinado). O medo tamén nos mantén alerta e a salvo xa que correríamos moitos riscos se nunca tivéramos medo pero cando crece moito, moito, entón convírtese en terror.

Na clase falamos de moitas cousas sobre o medo, estivemos pensando cousas que nos deran medo a cada un de nos e ían desde animais como arañas, lembranzas de personaxes de televisión ou á famosa escuridade ata sensacións moi concretas como "a perderme de papá e mamá" ou "a quedarme só" ao que algún rápidamente respondeu "se te pasa iso búscame a min!" e é que a ningún nos gusta pasar medo...


Ademáis pensamos cousas que facer cando temos medo e saíron moitas ideas tanto do que soemos facer como do que poderiamos facer: berrar, escondernos, fuxir, respirar, cantar, atacar, pensar en cousas divertidas, etc.

Fixemos moitas outras labores arredor da sensación de medo, pensar de que cor a imaxinamos, inventar a nosa poción, escribir o noso nome de forma terrorífica, e incluso imaxinar de qué pode ter medo a persoa representada na obra "O grito" de Munch.



Ao final, despois de tanta conversa, idea e traballo quedáronnos uns libros do medo ben chulos que agardamos que vos gustaran!





xoves, 26 de outubro de 2017

5 rincóns para 5 sentidos

Bo día!
Coma viñamos anunciado, na clase xa comezamos a experimentar cos nosos 5 sentidos.
O venres a dinámica foi un pouco diferente e dividimos o espazo da aula e cinco rincóns, un por cada sentido. Menuda rebuldaina!

No rincón do tacto había dúas tarefas que o equipo que estivera alí debía cumplir, por unha banda tiñamos uns globos que dentro podían ter arroz, algodón, fariña ou pequenos abalorios e debíamos empregar o tacto para poñer cada globo coa correspondente imaxe do seu contido.
Na segunda parte puxemos un pano tapando os nosos ollos e un anaco de plastilina entre as nosas mans. Empregando só o tacto deberíamos facer a nosa obra... non estivo nada mal.

No rincón do olfacto tiñamos 6 recipientes con contido diverso (lavanda, romero, té, loureiro, laranxa e menta) os recipientes eran todos iguais e estaban numerados tiñamos que, por unha parte, cubrir unha ficha na que indicábamos se o cheiro nos parecía agradable ou non e que pensabamos que era, as tapas dos recipientes tiñan os nomes do contido, así que no equipo intentamos unir cada tapa co cheiro correspondente.

Despois tiñamos o da vista, aquí, como xa falaramos sobre como len aqueles que teñen dificultades de visión tivemos que completar unha ficha na que puxemos o noso nome en braille! Ademáis tiñamos unha bolsiña con tenedores e culleres de madeira e plástico, sen mirar, metiamos unha man e un compañeiro decía "Culler" ou "tenedor" e tiñamos que sacar o correspondente.

O rincón do oído estaba na mesa de diante do ordenador xa que tiñamos que escoitar unha secuencia de sons e ir debuxando o que creíamos que era, unha batería, un elefante, unhas campanas... 

Finalmente no rincón do gusto tiñamos 4 tarros, cada un representaba un dos sabores principais.
Había chocolate puro para o amargo, galletiñas tipo "pretzel" para o salgado, lacasitos para o doce e trociños de pomelo no ácedo así que chegaba a hora de probar aquelo que nos atrevéramos.
Se o probábamos podíamos cubrir unha ficha na que indicábamos se nos gustaba ou non.

O traballo en equipos, aínda que nos encanta, non é sempre sinxelo, mais cada vez funciona mellor e aos poucos seremos expertos/as.

Estos días seguimos afondando nos 5 sentidos, despois deste traballo por zonas da clase temos a tarefa de resumir os "experimentos" nunha pequena charla na que poñemos ideas en común e damos as nosas opinións vendo de novo cada elemento: Cal dos olores nos gustou máis? e dos sabores? Como fixemos para descubrir os globos do tacto?...

Ademáis de todo isto (e moitas outras cousas) tamén estamos facendo un gran traballo  sobre o Samaín e o medo que pronto poderedes ver! 

Por último agradecervos a acollida que está tendo o blogue, agardamos poder actualizalo, polo menos, unha vez á semana. Moitas grazas por todos os comentarios!

Saúdos!


luns, 16 de outubro de 2017

Lume nunca máis

Este luns tiñamos un tema urxente que tratar na clase, e algúns xa viñan con ganas de falalo un pouco.

O primeiro que fixemos foi organizar un debate ordenado, e a mestra felicitounos ao final polo ben que o fixemos, respectando os turnos, pedindo a palabra, respondendo e ampliando información...

Dividimos o debate en varias seccións:

  1. Que novas/suceso coñecemos de esta fin de semana?
  2. Que sabemos do que sucedeu?
  3. Que sensacións nos producen estos feitos?
  4. Por que cremos que se orixinan incendios? (causas)
  5. Que pasa cando se queiman os montes? (consecuencias)
  6. Que podemos facer para que non se produzan incendios? (consellos)
Unha vez expostas a cantidade enorme de cousas que sabiamos sobre o tema dos incendios decidimos plasmalo nun papel, facendo a nosa representación artística e engandíndolle a frase que considerásemos.





O que sabemos seguro é que todos os nenos e nenas de 1º decimos forte e claro:

 "lume nunca máis!"


mércores, 11 de outubro de 2017

O noso corpo!

En ciencias naturais comezamos falando do corpo, as súas partes, os sentidos...

Para abrir boca comezamos cunha canción de Sérgio Tannus, "eu teño un corpo".


Ademáis unha das nosas partes favoritas foi o xogo que chamamos "A pelota!"
Neste xogo varias parellas de rapaces/zas sitúanse un fronte ao outro cunha pelota de plastilina no chan entre eles.
Un/ha xefe/a vai nomeando partes do corpo que as parellas deben ir sinalando "Cabeza!, xeonllos! ollos! boca!" e cando menos o esperamos, este/a xefe/a di... "PELOTA!" e os dous da parella deben tratar de coller a pelota do medio o antes posible! é divertidísimo e pasamos uns bos ratos repasando moitos nomes de partes do corpo.




Agora estamos re-visitando os 5 sentidos e experimentando con eles.
Como escribimos para que nos poida ler alguén con problemas na visión? e para que nos "escoite" alguén non pode oír? que sabemos dos sabores? a que saberá unha sorpresa? e un enfado?, que nos conta o tacto? e de que nos informa o olfacto?

Ademáis pasaremos tamén polos nosos consellos para coidar o corpo... todo un mundo!

Agardamos que vos guste!



Ah! se fas clic...esta é a web que temos para ir seguindo todas as fases do "proxecto corpo" por si queredes botar un ollo!

mércores, 4 de outubro de 2017

Os contos de Bubela

Pensar e imaxinar con só ver unha portada, ler en grupo, contar en alto, re-contar a historia, escribir o mesmo, e gravarnos contando o conto é un proceso no que nos estamos implicando moito e temos moitas ganas de que as familias vaian vendo os nosos primeiros contos de Bubela escritos e coloreados por nós e coas gravacións da nosa lectura.




Empregamos códigos QR que pegamos na parte traseira de cada un dos nosos contos para que nos poidan escoitar na casa.

Escoitar as nosas voces gravadas e tan raro coma divertido!

Aquí deixamos unha mostra do primeiro!

Clic aquí para escoitar o audio do equipo "Lobos da noite"
Clic aquí para escoitar o audio do equipo "Monstruos"
Clic aquí para escoitar o audio do equipo "Nome secreto"
Clic aquí para escoitar o audio do equipo "Super-aliens"

Agardamos que vos guste, rebuldeiros/as!

luns, 25 de setembro de 2017

Benvidos/as!

Benvidos e benvidas á rebuldaina! 

Aquí estamos, rapaces e rapazas de 1º de primaria do CEIP Sanjurjo de Carricarte, dispostos a empregar este diario de lembranzas para que teñades mostra dalgunha das nosas experiencias na aula.

Unha rebuldaina é un alboroto, unha algarabía, un rebumbio ou barafunda; neste caso a rebuldaina é o son que facemos ao nos xuntar, compartir experiencias, inquedanzas, aprendizaxes e aventuras; un ruído que agardamos que escoitedes de cando en cando ao outro lado da pantalla! 


Acompáñasnos?